Patrimonio deberá pronunciarse de novo sobre o aparcamento en Horta do Cura
Por Alejandro Espiño
O aparcamento para residentes do centro histórico proxectado na coñecida como Horta do Cura segue inmerso en trámites administrativos. Agora o seu futuro volve estar en mans da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. Deberá pronunciarse de novo sobre o proxecto, despois de que se realizaran, por parte da promotora, as modificacións estéticas e arquitectónicas solicitadas o pasado mes de outubro.
Patrimonio rexeitara o proxecto anterior, principalmente, polas características das entradas e saídas ao aparcamento. Esixían modificar os accesos peonís e integrar mellor a zona de acceso e saída, que se realizaría pola rúa Bastida, co resto da contorna. Varias condicións que, segundo sinalou o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, foron correxidas na modificación aprobada xa polos técnicos municipais.
Nesta nova proposta se amplía a zona verde na superficie do aparcamento e a entrada realizarase mediante un vial de dous carriles "que evitará a ruptura co pano da pranta baixa", explicou o edil socialista, e que se manterá na mesma ubicación que no proxecto anterior.
As 100 prazas coas que contará o aparcamento de Horta do Cura estarán destinadas á venda e aluguer a residentes do centro histórico, descartándose a posibilidade de reservar parte do seu espazo a párking rotatorio mediante concesión. Ocuparía un solar de 1.073 metros cadrados situado entre as rúas Bastida, Alhóndiga, Don Filiberto, Manuel Quiroga, Fernández Villaverde e Michelena.
O proxecto prevé a construción de tres sótanos con 35 prazas de aparcamiento cada unha. Na súa superficie, habilitarase unha praza pública con zona axardinada. As obras, segundo a empresa que impulsa o proxecto, durarían uns catro anos.