Renovación da rede de alumeado en Ponte Caldelas
Por Redacción
En Ponte Caldelas están a substituírse as vellas luminarias por lámpadas led dentro dos traballos que se acometen para renovar a rede de iluminación pública do municipio.
O investimento supera os 30.000 euros e está previsto que se cambien 155 puntos de luz do centro. Ata o momento funcionaban con lámpadas de vapor de sodio de ata 150 watios, que foron cambiadas pola rede integrada por luminarias con potencias de entre 35 e 60 watios. Con estas medidas rebaixarase a factura eléctrica de 16.619 euros ao ano a 3.139 euros ao ano.
O alcalde en funcións, Lito Muíños, indicou que a instalación das lámpadas de tipo led proporcionarán luz branca, que iluminarán mellor á altura do chan causando menos deslumbramiento. O Concello espera amortizar o investimento realizado en dous anos e tres meses grazas ao aforro no consumo.
Desde o goberno local afirman que as vellas lámpadas sufrían constantes avarías e atopábanse no final da súa vida útil. A nova instalación non contará con mantemento ata dentro de 10 anos ao tratarse dun sistema de longa duración.
A primeira fase está a centrarse nas rúas principais de Ponte Caldelas. A segunda está a xestionarse polo goberno local para completar a área urbana. Tamén está previsto cambiar os dous cadros eléctricos, que tamén causaban perdas de case 800 euros ao ano en enerxía reactiva.
O goberno local solicitou unha subvención para acometer un novo proxecto de eficiencia enerxética centrado nos paseos da Calzada e no tramo entre a rotonda de Cuñas e Parada. Segundo sinalan fontes municipais, Ponte Caldelas conta con 3.660 puntos de luz, algúns de ata 200 watios, nun pésimo estado de conservación e que producen un consumo que chega aos 300.000 euros anuais.