Ultimado o proxecto técnico para as obras de ampliación do CEIP da Reigosa
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas vén de entregar á Xunta de Galicia o proxecto técnico para as obras de ampliación do ximnasio do colexio da Reigosa, no que ademais se habilitará un novo espazo como comedor escolar.
O goberno local asumiu a redacción deste proxecto e anunciou que tamén está disposto a cofinanciar ata un 50% do custo das obras. O ánimo, sinalan desde o Concello, é propiciar un entendemento "por enriba de calquera outra consideración" para que a mellora, moi demandada pola comunidade educativa, sexa unha realidade o antes posible.
Así se anunciou tras a xuntanza que mantiveron o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, e o tenente de alcalde, Lito Muíños, co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares.
O proxecto municipal prevé un investimento total de 55.032,53 euros, que servirá para ampliar o ximnasio dos 93,57 metros cadrados actuais a 130,80 metros cadrados. Ao tempo, o novo volume inclúe un espazo pechado duns 50 metros cadrados e acondicionado para dotar ao colexio do comedor que tanto necesita.
O Concello quere asinar canto antes un convenio polo que se compromete a entregar o seu 50% este mesmo ano. Ao tratarse dunha instalación de titularidade autonómica e dunhas obras de competencia tamén autonómica correspóndelle ao executivo galego o procedemento de contratación que, en todo caso, realizarase como moi tarde o próximo ano.
Estes acordos foron comunicados á Xunta de Goberno local, celebrada a última hora da mañá na Casa do Concello. O órgano municipal deu tamén o seu visto bo á sinatura dese convenio "para non perder nin un segundo en executar unha obra prioritaria".
O Concello, explicou Díaz, fixo todo o posible para que o asunto non quedara atascado "e renunciamos a calquera discusión sobre competencias para facer realidade o que demandan, con toda a razón, dende a ANPA".