A SCD Ponte Caldelas recibe 22.000 euros do Concello para xestionar a escola municipal de fútbol
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, e o presidente da Sociedad Cultural Deportiva Ponte Caldelas, Pedro Rodríguez, asinaron un convenio polo que o Concello subvenciona con 22.000 euros as actividades da Escola Deportiva Municipal de Fútbol durante a temporada 2015-2016.
O alcalde subliñou o importante papel que xoga o club no impulso ao deporte local, pois conta cunha base duns 300 rapaces, non só de Ponte Caldelas, senón tamén chegados doutros concellos limítrofes, e animou ao seu presidente a continuar coa mesma enerxía e a seguir organizando actividades. Ao acto de sinatura asistiu tamén o tenente de alcalde Lito Muíños.
O convenio recolle que o Concello e a Sociedade Cultural e Deportiva teñen como fin común o impulso ao deporte, a actividade física e a educación integral dos nenos e nenas do municipio, polo que resulta acertado establecer “unha colaboración estreita” para acadar estes obxectivos.
O apoio ao club local é unha "constante" na política municipal. Hai escasamente un par de semanas, o Concello entregou un lote de material deportivo, donado pola Deputación Provincial, que está a supoñer un cambio importante das condicións nas que se desenvolven as sesións de adestramento.
Por outra banda, Díaz subliñou que o Concello está a realizar actuacións de mantemento no campo de Chan da Barcia, pois nos últimos meses illouse o cadro eléctrico para solucionar as frecuentes avarías e tamén se acometeu unha mellora nun vestiario para solucionar problemas coa auga quente.
Un investimento próximo aos 5.000 euros permitiu atender estas obras.
Finalmente, o alcalde anunciou que está a traballar para novas intervencións que se irán acometendo progresivamente co obxectivo de que a instalación deportiva quede, ao final do mandato, nun estado de conservación óptimo.