¿Zara ou Pull & Bear? Amancio Ortega, interesado nun novo baixo de Benito Corbal
Por Alejandro Espiño
O "imperio" de Inditex en Pontevedra ameaza con estenderse. Amancio Ortega puxo os seus ollos no edificio de Benito Corbal 32, onde ata apenas un mes situábase a croassantería Sweet House. E aínda que ninguén confirma se finalmente adquiriu o inmoble ou se chegou a un acordo cos propietarios para alugar os baixos comerciais, PontevedraViva puido averiguar que se produciron movementos nese sentido.
O interese inicial da multinacional española por este edificio data do pasado mes de outubro. Unha das súas sociedades, Pull & Bear España, solicitou información urbanística ao Concello de Pontevedra sobre o inmoble. En concreto, na documentación remitida á Comisión de Urbanismo, que preside o socialista Antón Louro, interesábase polo baixo e a primeira planta do edificio para comercio destinado á venda de roupa e complementos.
Naquel momento, os técnicos municipais ditaminaron favorablemente sobre a posibilidade de reformar o local para acoller dito establecemento comercial. Matizaron que se se mantén o uso residencial no resto do edificio, deberíase construír unha entrada diferente á do comercio. Pero desde entón, non houbo máis consultas nin se solicitou máis información ao Concello de Pontevedra.
Iso non implica que non se deran máis pasos neste sentido. Segundo aclaran desde o goberno municipal, este edificio atópase fóra de ordenación ao ser anterior ao PGOU actual, polo que calquera licenza de obra seguiría unhas canles diferentes. E de feito, este interese de Inditex parece ser a causa non só do peche do Sweet House ou da tenda de complementos situada no baixo, senón do inminente traslado de Multiópticas Gómez Lor.
Segundo confirman a PontevedraViva desde o propio establecemento, que leva ocupando o seu actual local desde hai décadas, as intencións do grupo de Amancio Ortega de facerse con todos os baixos do edificio é a causa pola que, en breve, deberán trasladarse. Non se irán moi lonxe. Pasarán, no prazo dunhas semanas, a ocupar a tenda que deixou libre a franquicia da multinacional Nike na rúa Sagasta.
De feito, son estas mesmas interlocutoras as que aseguran que, aínda que a información urbanística solicitouse en nome de Pull & Bear España, os verdadeiros plans de Inditex pasarían por ampliar a actual tenda de Zara, de forma que ademais do seu actual local, ocuparía o baixo e a primeira planta de Benito Corbal 32. En todo caso, pronto sairemos de dúbidas, xa que o acordo, din, está moi avanzado.