O BNG de Bueu apoia que os concelleiros asistan a actos relixiosos
Por Redacción
O pleno de Bueu tratou unha moción de urxencia por parte de Julio Villanueva, representante de ACB-SON sobre a laicidade do concello. O edil reclamou que os concelleiros da corporación non debían asistir a actos relixiosos.
Varios concelleiros do grupo de goberno coincidiron en que en Bueu xa hai tempo que se superou este debate, xa que non hai símbolos relixiosos nos actos nin nos espazos municipais. Con todo, a moción foi rexeitada polo BNG xa que "como alcalde estou onde o pobo me pide estar", sentenciou Félix Juncal.
Ademais, a asistencia a actos relixiosos é tamén por unha "sensibilidade do goberno cara as costumes culturais e sociais", polo que a moción só contou co voto a favor de ACB-SON, en contra de BNG e PP, e a abstención do PSOE.
EXPEDIENTE SANCIONADOR
A corporación municipal de Bueu aprobou o expediente sancionador que a alcaldía decidiu impoñer á concesionaria do servizo de augas de Bueu, Aqualia, debido a unha auditoría que realizou Augas de Galicia no cuarto trimestre de 2013 na que se detectaron unha serie de erros, que se lle pide á concesionaria que corrixa as deficiencias e que esta non o fai.
Por este motivo, e cunha sanción económica de 6.010 euros, os grupos do BNG e SON, coas abstencións do PP e PSOE, aprobaron este expediente sancionador moi grave. Con todo, e tal e como resaltou o alcalde da vila, non é o único expediente que se lle abriu á concesionaria, aínda que esta se levou a pleno pola súa gravidade.
PRAIA CANINA EN BUEU
O grupo socialista presentou unha última moción sobre a conformación dunha praia canina no concello buenense.
Os fundamentos que esgrimiu foron que é preciso adaptarse aos novos tempos e permitir que as persoas con mascotas poidan acceder aos areais. Con todo, Manuel Otero, concelleiro de deportes, e Félix Juncal, alcalde de Bueu, manifestaron que o debate debe ser longo con respecto a este tema, xa que afecta á salubridade e á sanidade pública.
Por iso, aínda que a votación foi desbotada cos votos en contra do BNG, e a favor de PSdeG-PSOE, PP, e ACB-SON, o grupo de goberno propuxo a creación dun grupo de traballo para debater sobre a mellor solución e as alternativas.