'Zafarrancho' de roza nas vías do rural de Ponte Caldelas
Por Redacción
Por segundo ano consecutivo, o Concello de Ponte Caldelas está a realizar tarefas de limpeza e roza dos viais municipais para preparalos para a chegada do verán. A estas tarefas destinan sete traballadores con desbrozadoras e un tractor.
A campaña comezou hai dúas semanas e xa quedaron acondicionados os camiños de Cuñas e, parcialmente, os de A Insua. Na actualidade están a trabajar en Laxoso e, cando rematen, os sete traballadores irán ata Silvoso e en total traballarán nos 33 núcleos poboacionais do concello.
O alcalde, Andrés Díaz, destaca que se trata dun operativo iniciado o ano pasado, porque anteriormente limpábase só no centro de Ponte Caldelas e nas zonas máis próximas, pero el considera que todos os veciños merecen a mesma atención por parte do Concello "porque, como nos din constantemente, eles tamén pagan os seus impostos".
A limpeza realízase en camiños municipais asfaltados ou formigonados e, aínda que non faltan peticións para acondicionar accesos privados a leiras, os operarios municipais só poden traballar sobre o viario público.
A presenza da brigada faise coincidir con datas anteriores á celebración das festas parroquiais en cada núcleo de Ponte Caldelas, todo co obxectivo de que cada lugar estea acondicionado ao chegar o seu día grande.