Viño e festa en Barro, do 16 ao 19 de xuño
Por Redacción
Este martes tivo lugar no Concello de Barro a presentación do programa da edición número 37 da Festa do Viño que se celebrará os días 16, 17, 18 e 19 de xuño.
As actividades arrincarán o día 16 co Xoves do Viño coa apertura das casetas de degustación dos viños das adegas do concello. A xornada incluirá unha festa infantil pola tarde con inchables gratuítos e tamén se disputará un torneo de fútbol no pavillón entre os equipos do Barro C.F., a S.C.D. Salcedo e C.D. La Peña. Ademais haberá unha Masterclass de Zumba e actuarán os grupos musicais Noite Fechada e Son das Tabernas.
Na programación inclúense actuacións teatrais e da Coral de Barro e o Grupo de Danzas, torneos deportivos de fútbol e tenis, reunión de Vespas e Lambretas, certame de pintura rápida e a tradicional sardiñada, entre outras moitas actividades.
No apartado musica programouse un concerto do músico local, Esteban Batallán, acompañado pola Banda Xuvenil de Barro. E, por suposto, non faltarán á cita as habituais orquestras para as noites do venres e sábado.
Entre as novidades desta edición atópase un Túnel do Viño no que se outorgará o Premio da Cata Popular.