2.500 pontevedreses poderán ser membros dun xurado popular
Por Natalia Puga
A sorte está botada. 2.500 pontevedreses están a punto de recibir unha carta cun anuncio pouco habitual: durante os dous próximos anos poderán ser reclamados para formar parte dun xurado popular. Os sobres saíron este luns 8 de outubro da Audiencia Provincial de Pontevedra vía furgón de Correos. Ao longo desta semana terán chegado todos ao seu destino.
Coa súa recepción ábrese un período de alegacións no que aqueles pontevedreses aos que chegase a comunicación poden solicitar ser borrados do listado. Poderán facelo durante os 15 primeiros días de novembro presentando unha alegación ante o Xulgado Decano do partido xudicial ao que pertenzan. Se optan por non recorrer, ou se a súa petición non se acepta, poderán ser chamados a participar en calquera dos xuízos con xurado popular que se celebren na provincia en 2013 e 2014.
Estes 2.500 nomes escritos polo persoal xudicial nas cartas recén enviadas non foron elixidos ao azar. Pero case. Foron seleccionados por un programa informático específico que se utiliza en todas as audiencias provinciais españolas e que, no caso de Pontevedra, escolleu entre 873.894 persoas. ÿ o número de pontevedreses que figuran no censo electoral e, polo tanto, cumpren co principal requisito necesario para ser xurado segundo a lexislación: ser español maior de 18 anos.
A secretaria da Sección Primeira da Audiencia Provincial, María Jesús Prieto, estivo presente durante o sorteo como representante da Sección á que está vinculada a Presidencia da Audiencia. Acompañouna, como establece a lexislación, o delegado do Instituto Nacional de Estatística, para verificar o seguimento do protocolo. Despois de que ambos os dous certificasen a selección, realizada na semana do 1 ao 5 de outubro, este luns procedeuse a comunicar a decisión aos afectados.
A Audienca fai unha previsión á alza de que haberá 50 tribunais de xurado en 2013-2014
Segundo explicou a secretaria xudicial, o número de seleccionados finais responde a un cálculo estatístico en función da cantidade de xuízos con xurado que poden chegar a celebrarse en Pontevedra en dous anos. O cálculo realízase sobre a base de 50 previsións de vistas con tribunal popular. Seleccionaranse 50 persoas para cada un deses 50 xuízos, isto é, 2.500 pontevedreses. "A previsión faise á alza, non se chegarán a celebrar tantos", sostén a secretaria xudicial, pero sempre teñen que ter reservas abondo.
Así, indicou que a composición dos nove titulares e dous suplentes que necesita todo xurado popular está garantida. Para cada posible xuízo hai 50 seleccionados, pero tan só son chamados finalmente 36 e, entre eles, aínda se elixe once. Así as cousas, un cidadán que reciba esta semana unha carta na que se lle indica que pode ser xurado "pode saír ou non" no momento no que se necesite celebrar unha vista con este tipo de tribunal.
En canto aos seleccionados, dende o momento da recepción da carta teñen dereito a recorrer se non queren ser seleccionados para integrar un tribunal popular. Así, segundo a Lei Orgánica 5/1995 do Tribunal de Xurado, están incapacitadas para desempeñar esta tarefa as persoas condenadas ou procesadas por algún delito e poden escusarse os maiores de 65 anos, os que xa cumprisen con esta función nos catro anos anteriores ou aqueles aos que lles resulta imposible acudir por "cargas familiares" ou por ter un "traballo de relevant interese xeral".
Poderán eludir a cita tamén aqueles que teñan a súa residencia no estranxeiro (99.017 no censo actual), os militares en activo que estean de servizo ou aquelas persoas que aleguen e acrediten suficientemente calquera outra causa que lles dificulte de forma grave o desempeño da función de xurado.