Mazás e globos lembran no Chop a necesidade de coidar o noso planeta
Por Redacción
Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, que se conmemora o vindeiro domingo, día 5 de xuño, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra vén de emprender unha campaña de sensibilización medioambiental a través de posta en marcha de diversas actividades nos hospitais Montecelo e Provincial.
O servizo de Hostalería do Hospital Montecelo programou para esta xornada o reparto de mazás verdes entre o persoal do centro hospitalario e os usuarios co obxectivo de sensibilizar aos profesionais sanitarios sobre a importancia de coidar a nosa contorna natural, ademais da instalación dunha mesa informativa. A colocación de globos verdes e a exposición dos debuxos de temática medioambiental realizados polos nenos ingresados en Pediatría no Hospital Provincial, completaron o programa de actividades da campaña.
Os pequenos que participaron na iniciativa foron agasallados con diversos detalles doados por algunhas das empresas provedoras dos hospitais de Pontevedra e O Salnés, que contribuíron á celebración desta xornada enviando á Escola de Pediatría cuncas de lousa sobre as que os cativos poden debuxar con xiz, gobeletes con forma de colectores de lixo, bolígrafos reciclados, calculadoras, mandilóns e bolsas educativas, nas que se incluían láminas para colorear e consellos de alimentación.
COMPROMISO DENDE A COCIÑA
O servizo de Hostalería do Hospital Montecelo tamén celebrará o vindeiro domingo 5 de xuño o Día Mundial do Medio Ambiente servindo de sobremesa aos pacientes froita ecolóxica.
Na cociña de Montecelo prima a calidade dos produtos, mais á marxe dos requisitos mínimos esixibles, tamén se valoran outros aspectos como a súa procedencia e o compromiso das empresas provedoras co medio ambiente. A modo de exemplo, para a compra de froita e verduras, o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra ten en conta en primeiro lugar a súa orixe, seguido da calidade das mesmas.
No tocante aos produtos cárnicos, procúrase que sempre sexa servida tenreira galega e o mesmo acontece cos produtos lácteos, pois é unha cooperativa 100% galega a que subministra o queixo á cociña do hospital, ao igual que o leite.
Se ben é certo que existen outros produtos que deben ser importados polos provedores, non por iso deixan de lado o compromiso co medio. É o caso da empresa que achega o café ao Hospital Montecelo, pois recicla os sacos nos que recibe o gran dándolle unha segunda vida e transformándoos en bolsos ou alfombras, entre outros, acadando a cifra de 7.000 sacos reciclados anualmente.