Veciños de Xeve piden a mediación da Policía por unha disputa pola servidume de paso dun terreo
Por Redacción
Unha disputa entre veciños pola servidume de paso a unha leira requiriu na tarde deste domingo a intervención de varias patrullas policiais. Como ingredientes do incidente houbo acusacións de ameazas e unha suposta pelexa, pero finalmente todo quedou en dimes e diretes e non chegou a presentarse denuncia.
Unha veciña do lugar de Os Fontáns, na parroquia de Santa María Xeve, chamou á Comisaría da Policía Nacional pasadas as 16.00 horas deste domingo. Denunciaba que outra veciña estaba a proferir ameazas e que se xerara unha lea con varios veciños implicados.
Ao lugar desprazáronse, segundo testemuñas presenciais, tres patrullas da Policía Nacional. Cando chegaron, había un grupo de veciños ás portas dunha vivenda e acusábanse entre eles de desencontros polos permisos de acceso a un terreo.
Fontes da Comisaría confirmaron que se desprazaron ao lugar, pero que a intervención se limitou a identificar dúas mulleres, unha como suposta autora da chamada de alerta á Comisaría. Os axentes aconselláronlles que se tiñan desencontros presentasen a correspondente denuncia.
As fontes consultadas non confirmaron se realmente se produciron as ameazas referidas ou se chegou a haber discusión entre os implicados. Só acreditan que, efectivamente, se desprazaron ao lugar e identificaron dúas persoas.