Cotobade fai os deberes en materia de transparencia
Por Redacción
O Concello de Cotobade rematou o proceso de renovación da páxina web municipal, unha noticia que non só mellora a súa proxección e imaxe de cara ao exterior, senón que tamén permite ao goberno local o impulso de medidas de participación cidadá e de transparencia.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, xa se fixera unha primeira modificación da páxina web a finais de 2015, pero nos últimos meses afondouse no proceso de modernización e pasará a aportar aos veciños moitos máis datos do funcionamento da administración local. "O único límite que temos para achegar toda a información aos nosos veciños será a Lei de Protección de Datos", indicou o alcalde, Jorge Cubela.
Cubela explicou que con estas medidas Cotobade pasa a ser o concello da comarca de Pontevedra "que máis se está espindo" e pasa a liderar as cuestións relativas á transparencia. Así, na nova web figuran todos os datos económicos, retribucións, acordos de goberno e plenarios ou licitacións de obras, entre outros aspectos.
Ademais, anunciou que no Concello de Cotobade sempre se tivo moi en conta a opinión dos veciños, pero "aínda así non estamos satisfeitos", de modo que, de xeito paralelo á transparencia, van seguir fomentando que os veciños sexan parte activa da vida política.
No marco desta forte aposta pola transparencia e a participación cidadá, a web municipal tamén conta información pública de interese que vai máis alá do esixido pola normativa, tales como as subvencións; os procesos de selección dende a súa convocatoria ata a resolución dos exames; a factura electrónica; a licitación completa dos contratos; ou o rexistro de provedores.