Moraña comprométese a axilizar a tramitación do PXOM para aprobalo en 2013
Por Redacción
A alcaldesa de Moraña, María Luísa Piñeiro, comprométese a axilizar ao máximo posible o documento do PXOM, que foi contratado en xuño de 2008, co fin de que o concello de Moraña, que na actualidade se rexe por un PXOM aprobado definitivamente en 2001, dispoña o antes posible dun plan adaptado á LOUG.
A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, vén de manter unha reunión con María Luísa Piñeiro na que se abordaron as accións que debe levar a cabo o concello para proceder a aprobación inicial neste ano 2013 e posterior exposición ao público.
No encontro de traballo concretouse a tramitación pendente por parte do concello para seguir avanzando no proxecto de documento do PXOM, que foi obxecto dun informe previo á aprobación inicial emitido pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo o 3 de agosto de 2011 e no que analizou pormenorizadamente a adaptación das propostas do PXOM á LOUG.
Unha vez que o documento este listo para a súa aprobación inicial someterase a consideración do Pleno municipal e a exposición pública por un prazo de dous meses. Simultaneamente solicitaranse os informes sectoriais correspondentes, os cales son preceptivos e vinculantes, e se procederá a aprobación provisional polo Pleno co fin de remitilo á Xunta para a súa aprobación definitiva.
As axudas concedidas pola Xunta de Galicia ao Concello de Moraña neste tempo para a redacción destes traballos ascenden a 112.000 euros.