Unha muller acusada de arroxar pola xanela ao seu bebé recén nado evitará o xuízo
Por Oskar Viéitez
No banco da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra sentará este próximo martes día 24 de maio unha muller acusada de asasinato en grao tentativa. Espérase que a súa estadía no Pazo de Xustiza sexa breve posto que a acusada xa alcanzou un acordo de conformidade coa Fiscalía polo que evitará o xuízo ao recoñecer directamente que arroxou pola xanela ao seu bebé recén nado.
O fiscal pide tres anos e nove meses de prisión e privación da patria potestade, que ela está disposta a asumir.
Segundo o escrito de acusación facilitado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a acusada A.A.A., maior de idade, o día 29 de xullo de 2014, sobre as 5 horas deu a luz a un neno no inodoro do baño do segundo piso do seu propio domicilio, tras un embarazo que ocultara á súa familia, amigos e ao propio pai do menor por temor ao rexeitamento familiar e social.
"Unha vez nacido o neno, ser indefenso pola súa propia condición, a acusada, con intención de acabar coa súa vida e ocultar o nacemento a todo o mundo, arroxou ao menor desde a xanela do seu dormitorio", que está situada a unha altura, medida desde o alfeizar ata o chan, de 2.40 metros, causándolle lesións consistentes en traumatismo cráneoencefálico de alta intensidade con diversas fracturas e hematomas.
A Fiscalía sinala que no momento dos feitos a acusada atopábase "nun estado de nerviosismo e shock emocional" como consecuencia da súa percepción da contorna e da falta de planificación do embarazo que "afectaba á súa capacidade intelectiva e volitiva, aínda sen anulalas".
O neno sobreviviu e ten na actualidade un adecuado desenvolvemento físico e psicomotor e non se aprecian secuelas físicas nin neuronais. Renunciouse polo pai a toda indemnización económica que puidese corresponder.
A acusada ten prohibido aproximarse ou comunicarse co menor en virtude de auto do 30 de xullo de 2014 ditado polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número dous de Tui.
O representante do Ministerio Fiscal entende que estes feitos son constitutivos dun delito de asasinato en grao de tentativa e que concorre na acusada as agravantes de parentesco e a eximente incompleta de alleamento mental.
Por todo iso considera que procede impoñer á acusada a pena de tres anos e nove meses de prisión, privación da patria potestade sobre o menor con prohibición de aproximarse ao menor, o seu domicilio, lugar de traballo/colexio ou calquera outro frecuentado por el a unha distancia inferior a 200 metros ou comunicarse con el por calquera medio por tempo de cinco anos.