O programa de balnearios ábrese ás persoas sen recursos
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno da Deputación adxudicou, mediante procedemento aberto, a xestión, desenvolvemento e execución do programa impulsado pola institución provincial "Deportermal 2016" á empresa Halcón Viajes, S.A.
En rolda de prensa, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou que este programa de termalismo social ten por finalidade fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas e, a súa vez, ser un plan dinamizador da economía provincial, impulsando a creación e mantemento dos postos de emprego no sector turístico durante os períodos de menor actividade. O programa será impulsado pola Deputación, cunha achega de 102.000 euros.
A "gran novidade" do programa é que, por primeira vez, resérvanse 434 prazas a persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión que non podían acceder por motivos económicos, apostando así por un "compromiso social inequívoco".
PRÉSTAMOS SEN XUROS
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra tamén acaba de aprobar este venres a segunda convocatoria por máis de 360.000 euros para que os concellos da provincia, con poboación inferior aos 50.000 habitantes, poidan optar á concesión de préstamos sen intereses para o financiamento de investimentos, operacións de tesourería, necesidades urxentes ou desfasamentos transitorios.
Carmela Silva lembrou que "o novo goberno" modificou as bases da concesión de préstamos aos concellos, incluíndo a pública concorrencia e eliminando os intereses, é dicir, concedendo préstamos a un 0% de interese "fronte ao 2% que se tiña que abonar co anterior goberno".
Ademais incrementouse no medio millón de euros a cantidade de diñeiro destinada a este fin.
ESCAVACIÓN EN SANTA TREGA E ALOBRE
O goberno da Deputación tamén aprobou o convenio de colaboración co Concello de Vilagarcía a través do cal a institución provincial achega 152.000 euros para a posta en valor do xacemento de Castro Alobre.
Carmela Silva lembrou que a Deputación, a través do protocolo asinado co Ministerio de Fomento, está a acometer unha serie de actuacións para poñer en valor 18 xacementos galaico-romanos da provincia coa idea de "impulsar o patrimonio e a dinamización socioeconómica, cultural e turística de Pontevedra".
O primeiro dos castros nos que se iniciaron os traballos de escavación foi Santa Trega. O arqueólogo da Deputación, Rafael Rodríguez, deu a coñecer na rolda de prensa, que as probas de Carbono 14 indican que o asentamento de Trega estivo ocupado desde antes do século IV antes de Cristo e que foi a partir do I antes de Cristo "cando se constata a diferenciación entre un mundo privado e público no asentamento", con edificacións de carácter social ou "relacionadas co mundo das crenzas".
Relacionadas:
-
Caldas e Cuntis acollen un encontro internacional de vilas termais
Por Redacción |
-
Sanxenxo acolle o acto de entrega dos recoñecementos Q de Calidade Turística Galicia 2015
Por Redacción |
-
O PP carga contra os cambios no programa de balnearios da Deputación e augura retrasos ata outubro
Por Redacción |