Barro pide ao Sergas melloras no centro médico á espera da construción dun novo
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O actual centro médico de Barro non está nas mellores condicións posibles para a atención aos pacientes do municipio. Así o asegura o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, que acaba de pedir ao Sergas que actúe para rehabilitar o estado do inmoble.
Con ese motivo, reuniuse co xerente da área sanitaria, José Manuel González, para solicitarlle a mellora do mobiliario e o equipamento do centro médico do concello.
Mentres non se conte cun novo edificio, o centro médico actual debe estar nas mellores condicións posibles para o uso diario tanto dos pacientes como do persoal que nel traballa.
O actual, apunta o alcalde, está nun edificio antigo que non ten espazo suficiente para todas as dependencias necesarias e ten problemas de accesibilidade.
É por iso que o goberno municipal vai iniciar xestións para que a consellería constrúa un centro médico novo, pero ata que iso non sexa unha realidade entende necesario que se mellore o actual.
O xerente, segundo avanzou o goberno municipal, comprometeuse a comprobar a situación na que se atopa o centro médico para intentar mellorar na medida das posibilidades o equipamento do mesmo e coincidiu co alcalde na necesidade de construír un centro novo.