Chega unha borrasca dende as Illas Británicas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Pouco nos vai durar o anticiclón nas Rías Baixas. Co avance da xornada do venres, os ceos quedarán con nubes de tipo alto.
Xa durante este sábado as baixas presións situadas sobre as illas Británicas farán que unha fronte cruce Galicia ao longo do día.
Deste xeito, durante a mañá do sábado os ceos estarán parcialmente cubertos, con máis nubes no litoral atlántico. Á tarde chegarán as chuvias, probables en calquera punto da comunidade. As temperaturas mínimas non experimentarán cambios significativos, mentres que as máximas descenderán moderadamente. O vento soprará moderado do suroeste.
A fronte do sábado aportará aire frío que quedará sobre Galicia o domingo, polo que se agarda unha xornada de inestabilidade atmosférica con temperaturas baixas para a época do ano.
Así, os ceos das Rías Baixas estarán con intervalos anubrados e chuvascos, máis frecuentes e probables durante a mañá. As temperaturas tanto máximas como mínimas sufrirán un moderado descenso. O vento soprará moderado de compoñente oeste.
En canto ao tempo da vindeira semana virá caracterizado pola presenza dunha borrasca ao oeste da comunidade, con pouco movemento, o que aportará moita inestabilidade para estes días. O luns agárdase un tempo seco pero a partir do martes as probabilidades de chuvia son altas en xeral. As temperaturas quedarán baixas para a época do ano.