Operarios de brigadas antiincendios de Seaga marchan a Santiago para pedir contratos de 6 meses
Por Redacción
Seaga é unha das empresas que se encarga do control de incendios durante os veráns. Contan con 500 traballadores en toda Galicia. Os representantes do persoal levan tempo negociando un convenio colectivo coa empresa. A dirección propúxolles unha rebaixa de 150 euros no seu salario. Unha situación que estes traballadores non están dispostos a aceptar cando só traballan 3 meses ao ano, durante o verán e contan cunha situación de risco.
Josafat Puente, representante dos brigadistas en Pontevedra, anunciou que este venres 20 realizarán unha marcha desde Pontecesures ata o edificio de San Caetano da Xunta onde levarán a cabo unha asemblea. Será un dos actos de protesta dun "verán en loita", indicou Puente na rolda de prensa celebrada no sindicato CIG con Diana Rodríguez, que apuntou que demandan que se establezan unhas condicións laborais similares ás que ten o persoal da Xunta no seu quinto convenio. E neste sentido sinalou que realizando o mesmo traballo queren ter os mesmos dereitos que outros brigadistas contratados directamente pola administración.
Estes traballadores reclaman que os contratos sexan por seis meses para poder acceder despois ao subsidio de desemprego, co que agora non contan. Sinalan que o seu traballo non só consiste en sufocar o lume senón tamén en limpeza de verteduras e traballos ambientais, que xustificarían a ampliación do servizo. Indican que a maior parte do persoal pertence a zonas rurais e entenden que mellorar as súas condicións laborais favorecería o fomento de emprego en zonas afectadas polo paro.