O peche do persoal do CHOP terá réplica a próxima semana no Hospital do Salnés
Por Redacción
O persoal sanitario da Área Norte de Pontevedra iniciou unha senda de protestas e non ten nos seus plans poñerlle freo. A acción de impacto desenvolvida este xoves 7 de febreiro cun peche de 24 horas no véstibulo do Hospital do Salnés terá segunda parte e, se non reciben resposta ás súas demandas, terceira, cuarta... A segunda xa ten argumento e localización: a próxima semana no Hospital do Salnés.
Segundo indicaron fontes sanitarias, o peche desenvolverase, de novo, durante 24 horas, entre as 8.00 e as 8.00 horas do día seguinte, e terá a mesma sinopse: o persoal sanitario pasa todo un día encerrado no hospital comarcal para protestar contra uns recortes que, segundo consideran, están a poñer en risco o sistema de sanidade pública actual e xa están a sufrir os pacientes.
No caso do encerro desenvolvido no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), a Xunta de Persoal do Complexo Hospitalario mostrou o seu rexeitamento á continua perda de dereitos laborais, agravada coa redución salarial, estimada polos sindicatos nun 8% para 2013.
A presidenta da Xunta de Persoal, Carmen Revenga, denunciou que as medidas de contención están a afectar directamente ao paciente, empezando pola atención primaria, "claro que repercute, si faltan tres médicos y no cubren su lugar la demora, por ejemplo, será mayor, pero están deteriorando la sanidad pública por todos los lados, no sólo ese".