VÍDEO.- Detido un condutor co carné retirado tras unha espectacular persecución en Bueu
Por Natalia Puga
Un turismo pasaba a gran velocidade seguido a pouca distancia por patrullas da Policía Local de Bueu e a Garda Civil de Tráfico. O seu condutor non respectaba os sinais nin limitacións de circulación e poñía en perigo ao resto de vehículos e aos peóns. Ao seu paso, espertaba expresións tan sonoras como 'Asú!!! ou 'Mimá!!!'. Ou ambas as dúas xuntas. E non era para menos. A súa condución era tan imprudente que, cando finalmente foi interceptado e os axentes o detiveron, atribuíronselle tres delitos, un deles por condución neglixente e temeraria.
A escena comezou na zona de Alto da Portela, en Cangas. Unha patrulla da Garda Civil de Tráfico estaba a realizar un control e deu o alto a un vehículo que non se parou, de modo que comezou a perseguilo. Nese momento, deuse á fuga a gran velocidade en dirección a Bueu e non se detivo ata que, varios quilómetros despois, conseguiu ser interceptado pola Garda Civil.
Cando conseguiron darlle o alto non terminou a acción, senón que o condutor aínda seguiu resistíndose á acción das forzas de seguridade. Agrediu un dos axentes que o interceptou e que ía proceder á súa detención, de tal modo que o garda tivo que ser trasladado a un centro de saúde e, como consecuencia das lesións sufridas, causou baixa no servizo. A el atribuíronlle un delito de resistencia á autoridade.
O protagonista da escena resultou ser un mozo veciño de Domaio (Moaña) coñecido en ambientes policiais polos seus comportamentos conflictivos que responde as iniciais O.C.O. Non só conducía de forma temeraria, senón que, ademais, facíao sen ter permiso, pois tiña o carné de conducir retirado por orde xudicial ata o próximo mes de novembro. Esta conduta valeulle a atribución dun delito de quebrantamento de condena.
En total, atribúenselle tres delitos: quebrantamento de condena por conducir incumprindo unha orde xudicial, condución temeraria pola forma en que conduciu cando fuxía da Garda Civil e resistencia e desobediencia por fuxirse e agredir a un axente que ía deterlle. A maiores, hai que sumarlle que o mozo tiña en vigor unha orde de localización e detención prevo ditada por un Xulgado de Vigo.