EC Casas reformará a rúa Javier Puig por cen mil euros menos do prezo de licitación
Por Oskar Viéitez
A empresa EC Casas foi a adxudicataria da reforma da rúa Javier Puig.
Segundo informou o portavoz do goberno local, Raimundo González, presentáronse a este concurso un total de 32 empresas "todas galegas", sendo a proposta de EC Casas a máis vantaxosa, por 334.556,23 euros, o que supón unha rebaixa de máis de 102.000 euros respecto ao prezo de licitación.
"É unha baixada substancial", sinalou o portavoz municipal, que fixo merecedora da adxudicación a esta firma, xunto a outras dúas melloras como foron a ampliación por tres anos máis do prazo de garantía (o mínimo é dun ano) e tamén incluíron por este prezo as intervencións nos entroncamentos de Javier Puig coas rúas Benito Corbal e con San Antoniño.
Raimundo González lembrou que esta actuación "segue todos os parámetros de mellora da calidade urbana", pero insistiu en que "o máis importante" son todos os traballos "que non ven", é dicir, toda a renovación da rede de auga, saneamento, iluminación e demais servizos que se atopan soterrados.
Está previsto que as obras arrinquen no prazo dun mes.