A Copa do Rei de tríatlon activa un amplo operativo de tráfico en Pontevedra
Por Redacción
A celebración durante a próxima semana da Copa do Rei de tríatlon obrigará de novo á Policía Local a despregar un amplo operativo especial de tráfico para manter a circulación rodada na cidade e, ao mesmo tempo, garantir a seguridade dos participantes.
Este operativo incluirá cortes e restricións de estacionamento, así como suxestións dos usos das vías, especialmente no relativo ás entradas e saídas da cidade.
A partir do martes comezará xa a colocación de máis de 300 valados por todo o percorrido, nos que irán sinalizadas todas as restricións que provocará esta proba deportiva.
Así, o venres 20 de maio cortarase o tráfico na avenida de Bos Aires, no treito entre a ponte dos Tirantes e a nova ponte de Monte Porreiro.
O día seguinte, a partir das doce da mañá, pecharase todo o circuíto polas rúas Xosé Malvar, avenida de Bos Aires, Rafael Areses, Alexandre Bóveda, a avenida de Compostela, Celso Emilio Ferreiro e o campus universitario. A previsión de remate das probas e apertura ao tráfico das citadas rúas será as 19:30 horas.
Xa o domingo 22 de maio, entre as 08:30 e as 16:00 horas estará pechado o circuíto da avenida de Bos Aires, Rafael Areses e a ponte dos Tirantes.
En canto os aparcamentos, a partir das 22:00 horas do xoves 19 de maio prohibirase estacionar na avenida de Bos Aires, entre a ponte dos Tirantes e a ponte das Palabras; mentres que a partir as 15:00 horas do venres non se poderá facer en Xosé Malvar, entre a rúa da Seca e a ponte dos Tirantes, en Rafael Areses e a avenida de Compostela; e a partir das 22:00 horas, no campus universitario e Alexandre Bóveda.
INFORMACIÓN PERSONALIZADA
A Policía Local de Pontevedra puxo en servizo un programa de información personalizada, de tal xeito que ante calquera dúbida todos os cidadáns poden consultar a súa circunstancia especial en relación a mobilidade os días 21 e 22 de maio.
As consultas pódense realizar mediante contacto telefónico (986 83 30 80) ou por correo electrónico cetra@pontevedra.eu.
Relacionadas:
-
Que viva o tríatlon!
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Debut especial para o Motobike Galaico na Copa do Rei de tríatlon
Por Redacción |
-
Inscrición de "gran nivel" para a Copa do Rei e da Raíña de tríatlon
Por Diego Espiño |
-
O tríatlon regresa a Pontevedra en 2016: a Copa do Rei e o Nacional de relevos, en maio
Por Alejandro Espiño |