O certame de comparsas inaugura o Entroido 2013 en Vilagarcía
Por Redacción
Como vén sendo costume, o Entroido de Vilagarcía arranca o Domingo de Carnaval co tradicional certame de comparsas. Dez das agrupacións máis representativas da bisbarra actuará no Auditorio a partir das cinco da tarde para facer rir ao público coas súas representacións e interpretacións das coplillas satíricas nas que este ano incluirán moitos dos temas da máis rabiosa actualidade. A entrada é libre e de balde.
A crise, as subidas de impostos, os recortes, a corrupción, a banca, as preferentes e mesmo o Códice Calixtino son algúns dos temas que as comparsas abordarán nas súas letras satíricas, sen esquecerse asuntos máis locais como o paso da Volta Ciclista a España pola bisbarra, entre outros. En concreto, actuarán unha comparsa de Vilanova, tres de Vilaxoán, cuatro de O Grove, unha de A Illa de Arousa e unha de Vilagarcía.
O Certame de Comparsas de Entroido non ten carácter competitivo. Como contrapartida pola súa actuación, a Concellería de Cultura concede a cada formación unha axuda de 300 euros co único requisito de que cumpran as bases do evento.
Será o primeiro gran evento do Entroido 2013 en Vilagarcía de Arousa. A outra gran cita será na tarde do martes 12 de febreiro co tradicional Desfile / Concurso de Disfraces, no que se repartirán 3.000 euros en premios. Sairá desde a rúa Alexandre Bóveda ás 17:00 horas.
Ademais, dentro da celebración do Entroido na capital arousana destaca o Baile Infantil de Máscaras que se celebrará o luns 11 de febreiro a partir das 17:30 horas na Praza da Peixería, o Enterro da Sardiña de Vilaxoán ou Carril, cuxo cortexo fúnebre sairá de Vilagarcía o mércores de cinza, ás 18:00 horas ou o Enterro do Arenque de Bamio.