Ínsula Sanxenxo asume a xestión da feira de artesanía de Portonovo
Por Redacción
O Consello de Administración de Ínsula Sanxenxo celebrado este venres aprobou a encomenda de xestión que lle permitirá á empresa pública a xestión e regularización da Feira de Artesanía de Portonovo.
Esta decisión adóptase despois de varios meses de traballo desenvolvido polo goberno local, e especialmente polo concelleiro de Facenda, para atopar a fórmula que permitise dar solución á situación irregular que viña arrastrando durante máis unha década.
O Partido Popular, que se abstivo nesta votación, comparte a idea de sacar a concurso as 70 casetas que se instalan en Portonovo no verán, "sempre que os 140.000 euros que ingresará o Concello se destinen integramente a financiar as festas de Portonovo e outros eventos na vila, especialmente a Festa da Raia".
Nos últimos Portonovo acolle unha feira, no dominio público marítimo-terrestre, na que se desenvolven tarefas comerciais de venda de produtos que poden considerarse na súa maior parte de elaboración artesanal.
A organización obtiña presumiblemente uns rendementos económicos ou beneficios dificilmente cuantificables e dos cales tiña total descoñecemento o Concello, polo menos de forma oficial. Trátase pois dunha actividade privada non suxeita a control da administración.
De feito, o Concello outorgaba unha subvención similar que ás demais parroquias do municipio para a organización das festas patronais da vila de Portonovo pero sen participar, canto menos que se saiba, da mencionada feira.
Será a sociedade Ínsula Sanxenxo, por tanto, quen este ano a través dun concurso público saque a contratación a organización, vixilancia e infraestrutura que permitan a celebración en Portonovo da Feira de Artesanía. O goberno local considera que é prioritario poñer fin ao cúmulo de irregularidades detectado na organización das feiras estivais en Portonovo.
Desde o pasado mes de xaneiro, o goberno local traballa na procura dunha fórmula legal e transparente, adaptada á normativa autonómica, que permita a organización dun evento comercial en Portonovo. Para iso, tanto o alcalde Gonzalo Pita como o concelleiro David Otero mantiveron unha reunión coa directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, a quen expuxeron o modelo que se quere aplicar en Sanxenxo, en sintonía co modelo reflicte na Lei de Comercio Interior de Galicia e coa denominación de Feira de Artesanía.
Con este acordo, segundo explicou o goberno local, perséguense varios obxectivos, sendo un deles viabilizar unha empresa pública que careceu de actividade desde a súa constitución e que nos seus estatutos recolle como un dos seus obxectivos a xestión de chan público. Ademais, considera que este acordo permitirá dispoñer de máis fondos propios para a dinamización cultural e festiva en Portonovo así como para promoción do comercio local.
Os departamentos técnicos municipais están agora inmersos na elaboración do prego de condicións que regulará o concurso e no que se establecerán os criterios técnicos, económicos e de concorrencia que definirán a Feira de Artesanía, como establece a Lei de Contratos do Sector Público, cumprindo todos os preceptos legais que afectan a este tipo de actividades.