O PP acusa o Concello de descoidar o mantemento da iluminación pública de Ponte Caldelas
Por Redacción
O PP de Ponte Caldelas discrepa dos datos facilitados polo Concello en relación coa iluminación pública e o consumo eléctrico no municipio, en especial coa afirmación do alcalde, Andrés Díaz, de que toda a rede está obsoleta. "É totalmente falso", respóndelle o portavoz da oposición, Ricardo Castro.
Respecto diso, indica que nos últimos anos cambiáronse as luminarias de Xustáns, Vilarchán, Anceu, Mirón, Baltar, Caritel, Buchabade e do centro do municipio por outras de aforro enerxético e lembra que xusto antes do cambio de goberno tras as últimas eleccione municipais deixouse encargado o cambio das luminarias do polígono da Reigosa, unha medida da que agora o alcalde "quérese colgar a medalla".
O portavoz do PP recoñece que é certo que aínda quedan núcleos nos que hai que cambiar as luminarias e instalacións eléctricas, pero indica que tamén o é que hai núcleos sen saneamento e sen outros servizos, por iso o anterior goberno foi cambiando as luminarias paulatinamente en función da dispoñibilidade orzamentaria.
Ademais, indican que os cambios realizados polo anterior goberno local do PP supuxeron no seu día un aforro significativo no consumo eléctrico. Por este concepto pagáronse 281.715 euros euros no ano 2014 e 234.490 euros en 2014, isto é, un aforro de 47.225 euros, isto sen ter en conta que a subida interanual entre 2013 e 2014 do prezo da luz foi de preto dun 20%.
O PP devolve as acusacións a Andrés Díaz e critica que o actual equipo de goberno está a descoidar o mantemento das instalacións de iluminación pública, de modo que hai apagamentos e fallos continuos, chegando a estar algún lugar do municipio ata unha semana sen luz pública, cousa que hai un ano non ocorría. "Andrés Díaz pretende culpar a outros da chapuza que está a facer co mantemento da iluminación pública", indica.