Sanxenxo solicita a Costas unha zona de fondeo para embarcacións de pesca no Porto de Raxó
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo solicitou ao Servizo Provincial de Costas autorización para o fondeo de embarcacións tradicionais na contorna da praia de Santa Mariña da Granxa, en Dorrón.
O goberno local faise eco desta forma da petición cursada por un grupo de usuarios, propietarios de embarcacións tradicionais para a pesca, que veñen fondeando desde hai xa tempo nesta zona, próxima á legalmente establecida, o que está a derivar en problemas de índole legal para os propietarios das devanditas embarcacións.
No escrito remitido polo Concello a Costas faise constar a carencia de Sanxenxo dunha zona de fondeo habilitada na referida baía para o amarre das embarcacións, así como a intención de continuar mantendo o carácter tradicional da contorna do que forman parte estes barcos, de aí o interese do Concello en dispoñer dunha pequena área de fondeo nas inmediacións da rampla existente no extremo sur da praia de Santa Mariña.
A petición dunha zona de fondeo xorde da reunión mantida polos concelleiros do goberno local, David Otero e Jesús Sueiro, cos mariñeiros e afectados de Sanxenxo por esta petición, que se produciu a finais do pasado mes de abril na Casa de Cultura de Dorrón.
Os afectados, agora constituídos en asociación, trasladaron ao goberno local unha situación que lles preocupa, xa que unha Resolución de Capitanía Marítima de Vigo aprobada a finais do ano 2015 limita os polígonos de fondeo en Raxó, deixando as embarcacións de Sanxenxo dentro da zona recollida legalmente para este fin.
Tras unha inspección realizada o pasado mes de marzo por Capitanía Marítima, algúns dos afectados comezaron a recibir notificacións procedentes deste organismo, dependente do Ministerio de Fomento, nas que lles instan a retirar tanto a embarcación como o morto ao que se atopa amarrada, informándolles que se na próxima inspección ao lugar persistise a posición de fondeo fóra dos polígonos autorizados abriríase un expediente administrativo sancionador.
A Resolución da Capitanía Marítima fixa como zona de fondeo a comprendida entre a liña imaxinaria que une Punta Sinás e Punta de Roivás coa terra firme máis próxima, quedando os 25 fondeos da Granxa de Abaixo fóra deste polígono.
A petición do goberno local a Costas pretende dar cobertura legal a uns fondeos utilizados tradicionalmente por mariñeiros e propietarios de embarcacións tradicionais que agora ven perigar este servizo.