Detido un ladrón por roubar dúas veces na mesma casa con dous días de diferenza
Por Redacción
A Policía Nacional detivo un veciño de Pontevedra como presunto autor de dous roubos con forza nunha vivenda de Pontevedra. Atribúenlle que entrou dúas veces na mesma casa do barrio de Valdecorvos con tan só dous días de diferenza.
O primeiro dos roubos produciuse o 3 de maio, cando o home presuntamente entrou a través do balcón e levou un bolso e un xoieiro en cuxo interior había dúas cadeas de ouro, tres escravas de ouro, unha pulseira e tres pares de pendentes, así como 200 euros en efectivo.
Dous días despois, o 5 de maio, a dona da vivenda volveu denunciar que fora vítima dun roubo. Nesta ocasión, a casa estaba totalmente revolta e a xanela do balcón fora fracturada.
Ese mesmo día, e como resultado das dúas denuncias presentadas, a Policía Nacional logrou localizar ao presunto autor, que foi detido e trasladado á Comisaría, para posteriormente ser posto a disposición xudicial. Trátase dun veciño de Pontevedra de 31 anos con antecedentes policiais.
A localización do presunto autor foi posible grazas ao traballo da Brigada de Policía Científica e os axentes lograron recuperar varios obxectos denunciados como subtraídos en poder do detido. Xa lle foron entregados á súa propietaria.