A Xunta resolve a metade das concesións definitivas para a Illa de Ons
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vai remitir o documento de outorgamento de concesións definitivo a 42 das 84 solicitudes efectuadas polos habitantes das illas de Ons. Os responsables do Parque Nacional remataron xa o traballo de recompilación de documentos que xustificaron a vinculación histórica dos usuarios actuais das vivendas. Neste proceso recolleuse, entre outros documentos, información dos solicitantes, das antigas cámaras agrarias, documentación do arquivo histórico do Ministerio e copias de expedentes do Servizo de Conservación da Natureza.
Tras un levantamento topográfico e medicións dos inmobles da illa, contrastouse a documentación dos usuarios coa realidade de usos actuais e foron tramitadas 42 concesións definitivas. Restan aínda outras 42 concesións das 84 vivendas actuais en Ons. Sete están pendentes da entrega de toda a documentación solicitada, trinta e tres atópanse no Servizo Xurídico de Santiago e dúas nos xulgados.
As solicitudes veciñais foron entregadas hai máis dun ano.