"Louzán non nos fixo caso, pero volveremos, iso témolo clariño"
Por Redacción
"Louzán non nos fixo caso, pero volveremos, iso témolo clariño". Ben podería ser o resumo do peche que este xoves mantiveron delegados de CIG na Deputación Provincial de Pontevedra, pero, ademais, é a frase coa que o secretario comarcal do sindicato, Rafael Iglesias, describe a sensación de "frustración" coa que saíron os concentrados tras permanecer máis de dúas horas esperando unha reunión co presidente da institución, Rafael Louzán.
Unha trintena de persoas encerrouse pasadas as 12.00 horas deste xoves no salón de plenos da Deputación en protesta pola reforma laboral e a falta de negociacion colectiva e co firme propósito de non abandonar o edificio ata manter unha reunión co presidente provincial, Rafael Louzán.
"Basicamente encerrámonos para falar con Louzán como presidente provincial do PP", resumiu Rafael Iglesias, que se presentou na Deputación acompañado doutros delegados de CIG porque entende que "politicamente este señor ten moito que ver e iamoslle formular que fixera xestións diante da patronal e do Goberno".
Querían facerlle chegar as súas queixas sobre o tax lease do naval, "que non acaba" de "arrancar", ou sobre o acordo pesqueiro con Mauritania e a reforma laboral, xa que opinan que os gobernos autonómico e estatal do PP "en vez de andar vendendo fume deberían darlle saida a iso" e Louzán é o interlocutor máis directo que encontran na provincia.
A primeira parada do encerro foi o salón de plenos, pero logo os delegados sindicais foron trasladados por "un emisario" á sala de espera exterior ao despacho de Louzán. Alí "chegou a xefa de gabinete" e "estivonos dando corda durante máis dunha hora", pero Louzán "non nos recibía e non sabemos o motivo".
Finalmente, tras esta estratexia de "espera por cansazo" llegarona á conclusión de que "non nos ía recibir", de modo que pasadas as 14.15 horas abandonaron o edificio. "Saimos con certa frustración", recoñece Rafael Iglesias, e advirte: "volveremos outra vez, iso temolo moi clariño", sen dar data para este regreso e novo encerro.