Un xulgado revisa se debe anularse o traslado dos traballadores da delegación da CRTVG en Pontevedra
Por Redacción
O Xulgado do Social número 2 de Pontevedra deixou este mércores visto para sentenza un xuízo no que deberá determinar se prospera unha demanda interposta por traballadores da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) solicitando que se lles permita volver traballar na delegación deste medio de comunicación público na cidade de Pontevedra, medida que suporía a reapertura deste centro de traballo na capital.
Seis traballadores que foron trasladados a outros centros da CRTVG tras o peche das instalacións da avenida Santa María de Pontevedra o 30 de novembro de 2010 demandan que "se declare a nulidade da medida por fraudulenta ao eludir as normas de carácter colectivo" e "ordene a reposición" dos demandantes "ás súas anteriores condicións de traballo como redactores, cámaras e montadores na delegación de Pontevedra".
Aquel 30 de novembro prestaban servizo na cidade do Lérez 23 traballadores, dos que 11 figuraban como contratados pola CRTVG e os outros 12 como empregados da Produtora Faro. Destes últimos, unha persoa continuou traballando para a produtora en Vigo e os outros once perderon o seu posto de traballo. En canto aos que si estaban recoñecidos como equipo da radio ou a televisión, comunicóuselles que pasarían a traballar en Vigo, se ben algún foi derivado finalmente para a central da Compañía en San Marcos, en Santiago de Compostela.
A empresa comunicoulles a medida nunha carta na que non se recoñecían as instalacións situadas na avenida de Santa María (dende as que traballaban ata o momento e en cuxa porta aparecía unha placa identificativa da CRTVG) como delegación.
O seu contido era o seguinte: "debido á non prórroga do contrato de prestación de servizos de novas coa empresa Productora Faro Lérez, S.L. E á inexistencia de delegación da TVG na cidade de Pontevedra deberá vostede prestar os seus servizos, a partir do vindeiro día 1 de decembro de 2010 no centro de traballo da TVG na cidade de Vigo por ser o máis próximo ao seu anterior centro de traballo".
Fronte a esta afirmación da compañía de radiotelevisión pública, os traballadores que este mércores figuraron como demandantes no xuízo celebrado no Xulgado do Social presentaron unha demanda xudicial que sostén que "a existencia da delegación de Pontevedra da CRTVG é un feito incontestable, declarado probado en todas as sentenzas ditadas a favor dos actores" e que o traslado dos traballadores a outro centro de traballo incumpre a normativa laboral e as normas internas da Compañía en canto ás normas requiridas para a mobilidade xeográfica do equipo.
Os demandantes ven irregular a súa mobilidade xeográfica e cambio de condicións de traballo
En relación con este último aspecto, consideran irregular o seu traslado (mobilidade xeográfica) e a modificación das condicións de traballo no que afecta a horario, xornada, distribución desta e quendas. Denuncian o "atropelo" que supuxo "non" ter tido o período de consultas cos representantes legais para adoptar as medidas de carácter colectivo (traslado, modificación da condicións de traballo e despedimento) ".
Para soster a súa demanda, os seis traballadores fan alusión a unha sentenza do Xulgado do Social número 2 de Vigo ratificada pola Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Naquela resolución, relativa ao traslado dun traballado á sede da Compañía en San Marcos o xuíz conclúe "a existencia obxectiva dun centro de traballo da RTVGA en Pontevedra".
Este fallo xudicial do Alto Tribunal galego responde á CRTVG cando nega a existencia dunha delegación na capital pontevedresa que "o feito de non ter formalizado a alta do centro de traballo de Pontevedra ante a autoridade laboral non impide considerar existente este".
Segundo esta sentenza, "a empresa demandada mantén unha delegación en Pontevedra nun local arrendado por outra empresa, na que o material utilizado polos profesionais pertence á RTVGA, aparecendo tanto cara ao exterior coma cara á propia empresa como tal, realizándose as comunicacións da sede de Santiago cos profesionais a través da delegación de Pontevedra", unha "unidade produtiva con organización específica (centro ou lugar de traballo con certa autonomía organizativa e funcional) ".
O mesmo 30 de novembro que se comunicou o traslado a Vigo destes traballadores tamén se decretaba o peche das delegacións da CRTVG en Ferrol, Burela, Bruxelas e Porto, co conseguinte traslado de 35 traballadores, o cambio das condicións laborais de 92 e o despedimento de 50. Nos últimos días este medio puido saber que a Compañía está a facer movementos para reabrir a delegación da capital belga e abrir unha nova en Portugal, neste caso, en Lisboa e non en Porto.