Estudan organizar en Pontevedra unha festa gastronómica con produtos da ría
Por Alejandro Espiño
A confraría de San Telmo está tremendamente interesada en dar a coñecer o traballo do sector primario da ría e promocionar os produtos que pescan na zona.
Por iso, unha das ideas que lle propuxeron ao Concello de Pontevedra é a posibilidade de organizar unha festa gastronómica na cidade na que os protagonista sexa precisamente todo o que extraen da ría pontevedresa.
Así llo trasladaron os representantes da confraría que se reuniron este venres co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que se comprometeu a estudar a proposta, que será analizada máis en profundidade en próximos encontros.
Aínda que sinalou que se trata dun proxecto que se atopa aínda nunha fase experimental, Fernández Lores avanzou que entre os produtos que se barallan ofrecer estarían a navalla, o choco ou o marisco que San Telmo extrae dos bancos nos que faenan, Combarro e A Puntada (Poio), así como nas áreas exteriores da ría.