O proceso de refundación do BNG tamén se escribe en Pontevedra. O domingo, acto no Principal
Por Redacción
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, estará este domingo 24 de abril en Pontevedra nun gran acto con militantes e simpatizantes do partido dentro do Proceso Adiante de refundación.
O acto, previsto no Teatro Principal, tamén contará coa participación do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a intervención de xente moza e simpatizantes sen carné do Bloque que apostan por participar no proxecto.
Este gran acto previsto para o domingo enmárcase no proceso de refundación aprobado polas bases na última asemblea nacional co obxectivo de actualizar o discurso e estratexia do BNG para recuperar apoio social e electoral, proceso que desenvolve a primeira fase con encontros e debates da militancia por toda Galicia.
Terá lugar apenas unha semana antes de que Ana Pontón sexa con toda probabilidade designada candidata do Bloque á Presidencia da Xunta de Galicia no Consello Nacional previsto para o 30 de abril, unha vez pechado o proceso de elección polas bases en asembleas comarcais que se prolongarán ata o xoves 28 de abril.
Segundo informa o BNG a través dun comunicado, c o Proceso Adiante o Bloque quere poñer a punto a organización e fortalecer o proxecto político nacionalista, tendo en conta os tempos que marcan a previsible repetición das eleccións xerais e sen descartar un adianto dos comicios galegos, mesmo unha coincidencia na data de celebración de ambas citas electorais o 26 de xuño.