Asemblea local do BNG de Poio para elección do novo consello local
Por Redacción
O BNG de Poio en cumprimento do seu estatuto interno e trala celebración da Asemblea Nacional o pasado mes de febreiro, convoca a súa militancia para elección do novo Consello Local.
A asemblea terá lugar o xoves 21 de abril na sede que a entidade ten en Combarro ás 20:45 horas. Con este proceso elixiranse 15 membros (10 titulares máis 5 suplentes) para formar a nova directiva da fronte nacionalista neste concello, ao que se sumará o representante designado por Galiza Nova.
O prazo límite para a presentación de candidaturas rematou o martes e se coñecerán o propio día da asemblea.
O sistema de votación será secreto de existir máis dunha candidatura. De haber só unha candidatura realizarase a man alzada, agás que soliciten o voto secreto o 20% dos afiliados con dereito a voto.
Os cargos de responsable local e vicerresponsable local recaerán no número 1 e 2 da candidatura que obteña máis votos.
Esta convocatoria servirá tamén para presentar a nova dirección comarcal, encabezada pola deputada Eva Villaverde.