NovaGalicia, protagonista da primeira folga do sector financeiro español desde hai 20 anos
Por Oskar Viéitez
NGB quedouse sóla. Os sindicatos de Novagalicia manteñen a convocatoria de folga xeral para este mércores, pese a que tanto Banco de Valencia como Bankia, nos que houbo acordo, desconvocaron a protesta.
A entidade galega terá a dubidosa honra de ser a única protagonista da primeira folga que se produce no sector financeiro desde os anos 90.
Os representantes sindicais reunidos onte á noite na Residencia de Estudantes de Pontevedra explicaron que as decisións de Banco de Valencia e Bankia "non cambian nada porque nós non estamos negociando".
E é que a día de hoxe as posturas aínda están afastadas na negociación do expediente de regulación de emprego (ERE) malia que a empresa mellorou nas últimas reunións da mesa laboral a súa proposta.
Así, elevou de 24 a 28 os días de indemnización por ano traballado, ata un máximo de 18 mensualidades (antes eran 14), nas 2.250 saídas previstas. Ademais, o plan inclúe, que aos maiores de 55 anos despedidos se lles pague a Seguridade Social ata os 61 anos. Neste contexto propoñen tamén ampliar o horario comercial ás tardes nalgunhas oficinas. Outras vías apuntan a suspensións de contratos, despedimento de persoas que están actualmente co contrato suspendido e non renovación de temporais.
Propoñen tamén ampliar o horario comercial ás tardes
Os sindicatos suxeriron unha contrapropuesta na que piden un plan escalonado durante os cinco anos de prazo que concede a Unión Europea, con saídas voluntarias de persoal con máis de 20 anos de antigüidade e que cumpra os 55 anos. Ademais, piden reducir os soldos de alta dirección, de modo que ningún supere os 75.000 euros, e recortar gastos de representación, así como reducións de xornada, entre outros puntos.
Estas mesmas fontes sindicais esperan na xornada de folga de hoxe un seguimiento "masivo".
As únicas dúbidas mantéñense "na resposta dalgunhas oficinas principais".
A presenza de piquetes informativos farase notar desde as sete e media da mañá. Compre recordar que non hai servizos mínimos, xa que os sindicatos recordan que "NGB non é unha empresa de servizos esenciais".
Ás doce da mañá está prevista unha manifestación que sairá de Rosalía de Castro.