Empregados de Bankia realizan paros contra os despedimentos
Por Oskar Viéitez
O persoal de Bankia en Pontevedra secundou unha nova xornada de paros convocados pola representación sindical na empresa contra o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que a entidade está negociando cos empregados.
As saídas serían cunha indemnización de 24 días por ano traballado e cun tope máximo de 16 mensualidades, segundo informaron fontes sindicais.
Desde finais de decembro, os sindicatos presentes en Bankia e NCG convocaron manifestacións, paros e concentracións para protestar contra os axustes de emprego previstos.
En concreto, en Bankia, a entidade anunciou un ERE que afecta a 4.900 empregados.
Os principais sindicatos convocaron para o mércores 6 de febreiro unha xornada de folga en ambas entidades.
Está prevista unha manifestación que sairá ás doce da mañá desde a oficina de Bancaja en Rosalía de Castro para dirixirse a continuación por diante da Oficina Principal de NovaGalicia Banco e concluír ante a Subdelegación do Goberno.
Será a primeira xornada de paro total que se fai no sector financeiro desde os anos 90.