Cuntis renovará o firme da rúa Castelao con cargo a fondos provinciais
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A mellora da rúa Castelao será incluída nas actuacións que financiará o Concello de Cuntis con cargo ás partidas que corresponden ao municipio dentro do Plan Concellos 2016 que puxo en marcha a Deputación de Pontevedra.
Estes traballos contan cun orzamento base de licitación de 25.000 euros.
O goberno municipal aposta así pola renovación do pavimento e da rede de pluviais, reorganizando tamén as prazas de aparcadoiro xa que o estado da vía atópase moi deteriorado.
A rúa Castelao, moi próxima ao casco antigo de Cuntis, ademais de dar servizo aos propios veciños serve de ligazón entre a N-640 e a rúa da Presiña, que dá acceso á PO-220, polo que se trata dun viario moi utilizado.
O pavimento de lastra que se colocou hai uns anos atópase en moi mal estado polo paso dos vehículos, xerando perigo para o tráfico rodado.
Esta actuación pretende substituír ese pavimento por un firme máis estable, xunto cunha serie de modificacións na rede de saneamento de augas pluviais.
Para estes traballos non será necesario realizar ningunha expropiación e calcúlase que as obras durarán uns dous meses.