A Xunta comprométese a mellorar o ámbito natural de Cotorredondo
Por Redacción
As comunidades de montes de San Xulián e Santo Tomé presentarán diferentes proxectos para mellorar e acondicionar o espazo natural de Cotorredondo. A partir de aí, será a Xunta quen os estude para poder acometelos.
Ese foi o compromiso que se alcanzou nunha xuntanza celebrada este venres na delegación territorial da Xunta en Pontevedra.
Á mesma asistiron, por parte da Xunta, a directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz; o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto; e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
Ademais, tamén participaron a alcaldesa de Marín, María Ramallo, e representantes das dúas comunidades de montes.
No encontro, que transcorreu cun ton moi cordial, a administración autonómica comprometeuse a planificar actuacións concretas de acondicionamento deste espazo, a partir das propostas que presenten os comuneiros.