A Canteira terá semáforos
Por Redacción
Un crédito de 72.649,31 euros, con cargo aos anticipos da Deputación, permitirá ao Concello de Poio cumprir cunha demanda histórica dos veciños de Combarro: a instalación dun semáforo á altura da Canteira.
Así o aprobou a Xunta de Goberno do municipio, a proposta do alcalde Luciano Sobral, para resolver a problemática existente nesta zona, consecuencia da falta de visibilidade e da alta intensidade de tráfico.
O goberno municipal destaca que ademais de satisfacer a demanda dos residentes desta zona, mellorarase o acceso ao Porto de Combarro e a praia da Canteira, garantido a seguridade viaria dos peóns.
A obra consistirá na instalación de semáforos en ambos sentidos da circulación, así como dos dous semáforos de preaviso, un dirección Sanxenxo e outro dirección Pontevedra, coa correspondente sinalización tanto vertical como horizontal e o pintado do paso de peóns, cumprindo así coas demandas esixidas pola servizo de estradas da Xunta de Galicia
Esta actuación terá un custo de 24.067,61 euros.
O financiamento solicitado destinarase tamén a cubrir o custo das melloras que se van acometer no colexio de Viñas para resolver os problemas de filtracións de auga que se producen na época de choivas, tal e como se acordou coa Consellería de Educación no marco do convenio que ambas as dúas administracións van asinar proximamente.
Outras das obras que se acometerán é o cambio de todo o cableado eléctrico e de rede no edificio da Casa Consistorial, axustándose as necesidades de banda ancha actual.
Ambas actuacións suporán un investimento de 25.219,87 e 23.361,83 euros respectivamente.