Cuntis pide a colaboración da Deputación para mellorar a antiga casa consistorial e o pavillón
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Técnicos da Deputación visitarán nos próximos días o Concello de Cuntis para realizar un estudo sobre a situación de diferentes instalacións municipais e poder redactar un proxecto para resolver as deficiencias detectadas. Nun primeiro momento centraranse na antiga casa consistorial e no pavillón de deportes, que presentan actualmente problemas de humidades.
Así se acordou na xuntanza que mantiveron este venres o deputado de Cooperación, David Regades, e o alcalde de Cuntis, Manuel Campos, para analizar diversas actuacións da institución provincial no concello.
O Concello de Cuntis dispón dentro do Plan Concellos 2016 de algo máis de medio millón de euros de axudas da Deputación, das cales xa ten concedidos máis de 113.000 euros para a contratación de vinte traballadores de reforzo dos servizos municipais.
Manuel Campos foi quen pediu ao deputado o apoio dos técnicos provinciais para a realización destes estudos, unha colaboración que foi aceptada polo goberno da Deputación.
Igualmente, o alcalde mostrou o seu interese en que a Deputación apoie o proxecto de Terra Termarum, que o concello desenvolve sobre os achados no castro de Castrolandín, para que a súa exposición poida percorrer varias localidades da provincia.
Precisamente, sobre Castrolandín, Manuel Campos subliñou que necesitaban o apoio da Deputación para promocionar este castro que está dentro do proxecto de musealización que desenvolve a institución provincial e o Ministerio de Fomento en 18 castros de toda a provincia de Pontevedra.
Está previsto que ao longo deste verano comecen os traballos de limpeza previos a proxecto de musealización que levará adiante o Ministerio de Fomento.