A Xunta compromete reformas nos colexios do Grove pero non grandes obras
Por Redacción
Unha xuntanza presidida por un espírito colaborador. Así destaca o goberno municipal do Grove o encontro que o alcalde mantivo este mércores en Pontevedra co xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, para analizar o estado dos colexios do municipio.
Tras unha valoración técnica, a Xunta avanzou ao Concello o compromiso para emprender actuacións nos mesmos, pero que estas serían realizadas "ano a ano" polo que non se acometerían grandes obras de xeito inmediato como desexaba o goberno municipal.
Así, no colexio de Conmeniño realizarase unha actuación urxente no depósito de gas e na zona das caldeiras, taxada nuns 7.000 euros. Tamén se cambiarán as fiestras da zona infantil pero neste caso mediante un convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello do Grove polo que este terá que aportar 3.000 euros dos máis de 15.000 que custará a intervención.
Ademais, informouse de que se vai mellorar de xeito urxente a conexión de internet do IES do Monte da Vila.
Precisamente nos centros de secundaria tamén se realizarán investimentos. Concretamente uns 4.000 euros para actuar no tellado de Bizocas e 7.500 para a impermeabilización dunha zona de escaleiras e da caldeira no Monte da Vila.
O goberno municipal destaca que, a pesares de non acometer as obras requiridas polo Concello, estas pequenas actuacións resolverán problemas urxentes, polo que agardan que os compromisos adquiridos na reunión sexan postos en marcha o antes posible.