O empresario da Panorama e a París de Noia non quixo cantar ante o Xulgado

Por Redacción
O xerente de Espectáculos Lito, Ángel M.P., acolleuse ao seu dereito a non declarar nos Xulgados de Caldas de Reis, onde estaba citado este luns en relación á querela que a Fiscalía mantén contra el e a súa empresa, por unha suposta fraude de case 9 millóns de euros e seis delitos relacionados cos impostos de sociedades, IVE e IRPF.
As penas por estes delitos van dun a cinco anos por delitos fiscais, con multas do tanto ao séxtuplo.
O xerente asistiu acompañado dun avogado e da súa muller, sen facer declaracións, tampouco, ante os xornalistas que se atopaban nos xulgados de Caldas.
En declaracións á saída da sede xudicial, o fiscal de asuntos económicos, Augusto Santaló, apuntou que 'Lito' alegou depresión, aínda que hai un informe forense do 1 de abril "que dice que está en condiciones", engadiu.
Desde Espectáculos Lito manteñen que eles son meros "intermediarios", e que en realidade son as orquestras as obrigadas a tributar e as comisións de festas quen ten que pagar a Seguridade.
Neste sentido o fiscal precisou que "no estamos investigando a Panorama ni a París de Noia ni a ninguna orquesta. Estamos investigando a Lito y a sus empresas".
A partir de agora, se as partes non piden dilixencias, o proceso continuará polo trámite do procedemento abreviado e acusación.
Relacionadas:
-
Unha nova investigación por alzamento de bens axexa ao rei das orquestras
Por Natalia Puga |
-
Aprazan o xuízo contra 'Lito' pola ausencia do seu avogado
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
O rei das orquestras, ante o 'panorama' de 14 anos de cárcere e máis de 50 millóns de multa
Por Natalia Puga |
-
A representación de Panorama, baixo sospeita: a Fiscalía ve fraude fiscal e a empresa "afán recadatorio" en Facenda
Por Redacción |