Critican as constantes suspensións de probas clínicas e cirúrxicas na Área Sanitaria
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O sindicato CIS-Saúde asegura que as constantes suspensións de probas clínicas e cirúrxicas na Área Sanitaria de Pontevedra e Salnés poñen en evidencia a Xestión nesta Estructura de Organización de Xestión Integrada.
CIG-Saúde denuncia que a "falta de inversións en equipamentos e os recortes en persoal" está tendo consecuencias "moi negativas" para a Sanidade Pública.
A falta de investimentos e o traslado de servizos a outras áreas sanitarias, son para este sindicato "unha mostra do abandono ao que ten sometido á Pontevedra o goberno de Feijóo".
Segundo sinala a central nacionalista a semana pasada a causante da anulación de probas en pacientes oncolóxicos era unha sala de raios X (telemando) a que estaba fora de servizo, desde o 1 de abril. Engaden que no Hospital do Salnés dous esterilizadores avariados desde hai varios días obrigaban a suspender varias intervencións cirúrxicas, tamén hai problemas no quirófano 2, e o TAC leva varios días fóra de servizo.
En Montecelo o quirófano 4 non está operativo por problemas da mesa cirúrxica, indican.
"Estas son as consecuencias da falta de inversións en equipamento e dos recortes no mantemento", din nun comunicado CIG-Saúde que xa alertara, no seu día, que a adxudicación do mantemento á empresa IBERMAN, S.A. ia traer problemas no futuro "e así está sendo", apostillan.
"Esta empresa non cumpriu o contrato, en ningún punto, desde o primeiro día e pesares diso o SERGAS non fixo nada por resolver esta situación. Agardamos que ao remate do contrato, novembro de 2016, non se lle renove, e se rescate o mantemento electromédico, por parte do SERGAS, volvendo á situación anterior", conclúen.