As Mareas En Común acordan en Marín impulsar "a confluencia das forzas do cambio"
Por Oskar Viéitez
Unhas 150 persoas de 43 candidaturas municipalistas de toda Galicia reuníronse este sábado en Marín, na Casa da Cultura de Santo Tomé de Piñeiro, no quinto encontro das Mareas En Común.
Alí, decidiron poñer en marcha un "momento constituínte" que, de "xeito público e participativo", permita "impulsar a confluencia de todas as forzas do cambio de cara ás eleccións autonómicas".
O proceso foi chamado provisionalmente "Marea Viva".
Ademais, o plenario das Mareas En Común aprobou o documento que reflicte os seus principios básicos e que foi elaborado coas achegas de máis dun cento de persoas e de diversas mareas municipalistas. Baséanse na defensa dos dereitos humanos, na radicalidade democrática, na transparencia e na loita contra a corrupción.
Tamén avogan pola feminización da política e o rexeitamento de calquera tipo de discriminación e fan unha aposta por un modelo económico máis xusto. Inciden na defensa da lingua e a cultura galega, do ambiente e o benestar animal e na xestión eficaz dos recursos públicos para conservar o ben común.
Finalmente, o documento aprobado reclama máis autogoberno para Galicia e unha mellor vertebración territorial.