O Festival de Cine de Málaga acollerá unha promoción do destino turístico Rías Baixas
Por Oskar Viéitez
O 24 de abril o Festival de Cine de Málaga acollerá a proxección da película Cociñando na fin do mundo, a primeira longametraxe documental sobre cociña galega coa que a Deputación promoverá o destino turístico Rías Baixas.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada polo deputado delegado de turismo, Santos Héctor, o director do documental, Alberto Bahamonde, e o cociñeiro do grupo Nove e estrela Michelin, Pepe Solla, deron a coñecer a actuación promocional do destino Rías Baixas que terá lugar no marco da Gastroweekend do Festival de Cine de Málaga.
O documental está protagonizado por 9 cociñeiros da provincia de Pontevedra pertencentes ó grupo Nove e permitirá dar a coñecer produtos e paisaxes das Rías Baixas, o tradicional cocido ou a pesca da lamprea, os viñedos de albariño que se alongan ata o mar, a horta aromática de Pepe Vieira ou o traballo da Misión Biolóxica con variades como o guisante lágrima.
Ó mesmo tempo, a través do documental, tal e como destacou Carmela Silva, "poremos en valor unha das principais causas pola que os turistas veñen ás Rías Baixas, sinónimo de calidade, profesionalidade".
Alberto Bahamonde, director de "Cociñando na fin do mundo" subliñou que o filme, estreado no Festival de San Sebastián e que xa se deu a coñecer en Australia, "pretende visibilizar este aspecto tan característico da nosa provincia, dando a coñecer dende os propios cociñeiros ata os produtores e a materia prima".
Pola súa banda, Pepe Solla destacou que unha vez rematada a proxección da longametraxe terá lugar unha "sesión vermouth", amenizada pola música de Radio Pesquera, autores da música do documental, con produtos típicos da provincia para animar a que "a xente de Málaga, xa que en breve comezará a operar a liña aérea entre Vigo e Málaga, veña ás Rías Baixas e desfrute do noso destino".
OCUPACIÓN HOTELEIRA
Carmela Silva tamen compartiu a súa satisfacción polos datos positivos que deixou a pasada Semana Santa que fixeron que, "pese ó mal tempo que tivemos a partir do venres, fose unha das mellores desde o inicio da crise".
Superáronse as estimacións previstas ao respecto da ocupación hoteleira en comarcas como O Salnés (73%) Caldas (67%) e mantendo os resultados en Pontevedra (80%).
No caso dos establecementos de turismo termal, mantiveron unha ocupación do 61% superando os resultados das estimacións en O Salnés (73%), Pontevedra (81%), Caldas (67%).
LIÑA DE SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO TURISMO
A deputación provincial sacou, por vez primeira, unha liña de subvencións destinada ó fomento do turismo a través da cal destina 200.000 euros a entidades sen ánimo de lucro que traballan para promover actividades para o fomento do turismo e a profesionalización deste sector durante o 2016.
A esta convocatoria de subvencións poderán presentarse proxectos e actividades da provincia de Pontevedra que recibirán, por concorrencia competitiva e como máximo, 10.000 euros.