O PP propón crear un certame provincial e unha rede de locais de ensaio para grupos emerxentes
Por Oskar Viéitez
O grupo provincial do Partido Popular propón á Deputación de Pontevedra a creación dun certame provincial de grupos emerxentes, co fin de dar visibilidade a todo o talento das bandas que van surxindo e que moitas veces non chegan a ser escoitadas por falta de espazo e de oportunidades.
O deputado Ángel Moldes explica que, como grupo maioritario, o PP ademais de facer unha labor fiscalizadora e de seguimento, tamén entenden que teñen que ter unha parte construtiva.
A idea é comezar con festivais nos concellos, nos que un xurado seleccionaría aos grupos que vaia participar na final provincial.
A proposta do PP vai máis aló e fala de crear unha estrutura para apoiar a estes grupos, habilitando unha rede de locais de ensaios cos que atender as demandas destes grupos. Subliñan que a maior parte deles carecen de medios e de recursos para acceder a locais acondicionados para ensaiar, polo que propoñen aproveitar as infraestruturas propias para poñelas á súa disposición.
SEN AXUDAS AOS COLECTIVOS
Pola súa parte, a deputada Nidia Arévalo denunciou a falta de apoio económico da Deputación de Pontevedra a todos os colectivos culturais da provincia.
A deputada puxo a atención sobre que as axudas para vestiario, instrumentos e mantemento de locais que estaban recibindo as asociacións culturais da provincia desapareceron.
Arévalo critica que desde a institución provincial intenten ocultar esta situación dicindo que son os concellos os que agora reciben esas cantidades. "É mentira, nin esas axudas existen, nin se lles dan aos concellos para que sexan, neste caso, o nexo de unión coas asociacións", dixo Arévalo. Por este motivo, xa anuncia que manterán reunións cos colectivos afectados para explicarlles toda a situación.