Reclaman a mellora da seguridade vial na estrada A Brea - Castro
Por Oskar Viéitez
Aarón Franco Outón, concelleiro do grupo Marea de Marín presentou unha moción pola vía de urxencia para o seu debate no vindeiro Pleno municipal solicitando medidas de mellora da seguridade vial na estrada A Brea - Castro.
O concelleiro da Marea afirma que Marín "vén padecendo nos últimos 5 anos unha situación bastante lamentable na área de tráfico" e sinala que as estradas "veñen deteriorándose sen que o goberno local do Partido Popular e especialmente a alcaldesa María Ramallo veña facendo absolutamente nada para remedialo".
Aarón Franco lembrou que no pasado mes de setembro o pleno da corporación aprobou unha inciativa da Marea para mellorar a seguridade vial no lugar de Casás "e que a día de hoxe a Xunta de Galicia do Partido Popular aínda non executou".
Nesta ocasión, Marea Veciñal sinala a situación do vial provincial da Brea, "estrada cun nivel de tráfico rodado e humano bastante alto", e que conecta a parroquia de Seixo co centro de Marín a través de lugares como Castro ou A Porteliña.
Unha estrada sen beirarrúas, cun alumeado escaso, unha pavimentación deficiente e unha sinalización horizontal inexistente, segundo describe Marea que engade "as altas velocidades ás que pasan algúns dos coches".
Por estes motivos demandan medidas que impidan que se poña en perigo a vida dos peóns e dos propios conductores, instando á Deputación provincial de Pontevedra a acometer ó repavimentado da estrada e construcción de beirarrúas, e á instalación dunha rotonda á altura do transformador, tal e como tamén vén recollido no Plan xeral.
Ademáis reclaman a instalación de dous resaltos que eviten as altas velocidades ás que se circula por dita estrada: un á altura de Castro e outro á altura da Brea.