A comunidade escolar de Barcelos fai novas achegas para a reforma da praza
Por Redacción & Mónica Patxot
Profesores, pais e nais de alumnos e tamén os propios rapaces do colexio de Barcelos participaron nunha nova xuntanza cos concelleiros de Mobilidade e Educación, Luis Bará e Carmen Fouces, para presentar novas achegas ao proxecto de reforma da praza, chamado a ser o gran patio de recreo ao aire libre do centro escolar.
Así, o goberno municipal quixo coñecer de novo as suxestións da comunidade escolar para avanzar neste proxecto de peonalización das vías que pasan diante do colexio e do muro do convento de Santa Clara e a reordenación do tráfico de todo este ámbito.
Enriba da mesa estaban cuestións como equipamentos deportivos, novos xogos para o parque infantil, o futuro mobiliario da praza ou unha intervención artística na que participen os nenos do colexio para deixar pegada do protagonismo que están a ter nesta reforma.
Os nenos centraron as súas suxestións na instalación de novos bambáns, a retirada do enreixado e a substitución da zona de area para incorporar este espazo ao parque infantil, plantar máis flores e limpar ou poñer unha nova fonte e tamén marcar pistas para xogar ao fútbol e baloncesto e para outros xogos tradicionais como os trompos.
Pola súa banda, os adultos achegaron unha ducia de propostas para mellorar o espazo e a oferta lúdica: mesas de tenis de mesa, eliminación dos parterres para gañar espazo na praza, poñer zonas de sombra no parque infantil con pérgolas con enredadeiras, acoutar unha zona para cans, decorar o chan diante do colexio con xogos tradicionais e que quede reflectido dalgunha maneira que os rapaces do colexio participaron na reforma.
Tamén propuxeron, no ámbito da seguridade viaria, aumentar o tempo de estacionamento de servizos de 15 a 30 minutos, un aparcadoiro para bicicletas, poñer lombos nos pasos de peóns da praza ou cambiar de situación as prazas reservadas para motos xa que as hai moi preto do colexio, nas rúas Rouco e Cobián Roffignac.
Todas estas suxestións serán analizadas polos técnicos municipais.
Relacionadas:
-
Acordo para utilizar o espazo peonalizado en Barcelos como patio do colexio
Por Alejandro Espiño |
-
Barcelos contará con dúas pistas polideportivas con porterías e canastras
Por Redacción |
-
Rajoy, Sánchez, Iglesias, Rivera e Garzón, canto pagas pola única camiseta asinada por todos eles?
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Os cambios en Barcelos reducen nun 61% o tráfico en todo este ámbito urbano
Por Redacción |
-
Veciños e comerciantes de Barcelos avaliarán os cambios na praza
Por Alejandro Espiño |
-
Normalidade na volta "semipeonil" ao cole en Barcelos
Por Carolina Buceta Resurrección | Creada e actualizada
-
Barcelos comeza a cambiar
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O PP pide ao Concello "escoitar máis e impoñer menos" e insiste en probar o tráfico en Barcelos
Por Redacción |