Investigan a Nino Mirón por desvalixar o seu antigo chalé de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Garda Civil investiga ao empresario da construción e ex presidente do Pontevedra Club de Fútbol, Nino Mirón, como suposto autor dun delito de roubo.
Nino Mirón deberá presentarse ante o Xulgado de Instrución número tres de Cambados, despois de que axentes da Benemérita localizaran nun almacén de Pontevedra os efectos presuntamente subtraídos no seu antigo chalé de Sanxenxo, a finais do pasado ano.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os feitos remóntanse ao mes de decembro de 2015, cando o novo propietario do chalé, que adquirira o inmoble nunha situación concursal, á hora da súa adxudicación atopouse o mesmo totalmente desvalixado, polo que formulou denuncia de roubo xunto ao administrador concursal, reclamando máis de 800.000 euros á compañía de seguros.
Efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Sanxenxo iniciaron as correspondentes investigacións tendentes ao total esclarecemento deste feito delituoso, as cales deron como resultado inicial a recuperación de dúas oliveiras, que tamén foran subtraídas, no domicilio dun familiar do antigo propietario do chalé.
Continuando coas investigacións, este luns 4 de abril localizouse un almacén na urbanización de Monteporreiro, onde o ex propietario depositara o resto dos efectos subtraídos, os cales foron intervidos tras realizar unha entrada e rexistro con consentimento do titular.
PontevedraViva púxose en contacto con Nino Mirón quen negou a existencia de calquera tipo de delito. "No hay ningún robo, esa propiedad era mía y hago con mis cosas lo que quiero", declarou.