Evacúan unha muller de 81 anos tras caer dun muro de dous metros durante unha romaría en Rebordelo
Por Redacción
Unha muller de 81 anos tivo que ser evacuada polo 061 tras precipitarse dun muro de case dous metros de altura durante a romaría de Rebordelo, en Ponte Caldelas.
O suceso tivo lugar cando os presentes esperaban a saída da procesión ao final da misa solemne en honra á Virxe da Saúde.
A muller, veciña de Marín, caeu nese momento muro abaixo por causas que se descoñecen.
Efectivos de Protección Civil de Vilaboa, que coordinaban o dispositivo de tráfico e seguridade, auxiliaron á muller ferida xunto a varios dos alí presentes. Entre eles atopábase tamén o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, que foi o encargado de chamar ao servizo de emerxencias 112 para que enviasen unha ambulancia.
O sucedido, unido á intensa choiva, provocaron a suspensión da procesión, aínda que a romaría continuou cun concerto da Banda de Música de Tenorio.