Bueu quere mellorar o acceso á praia de Banda do Río
Por Redacción
Bueu agarda que Portos de Galicia dea a súa autorización para poder construír una pequena rampla de acceso á praia de Banda do Río.
Así o avanzaron o alcalde, Félix Juncal, e o concelleiro de Obras, Fidel Castro, na súa visita ao lugar para tratar as posibles propostas que permitirían recuperar unha parte da pasarela que retirou o ente autonómico nas pasadas semanas.
O goberno local anunciou que proximamente se elaborará un informe técnico por parte do aparellador municipal, aínda que xa se avanzou que se vería a posibilidade de unir a zona de acceso ao porto coa da praia, para facilitar o paseo dun lado ao outro e a súa integración no centro urbano.
A idea é ter realizada esta obra para a vindeira tempada estival.
Ademais, ambos aproveitaron para visitar a continuación das obras de cambio da cuberta na nave de deportes náuticos de Pescadoira, e a da conexión das renovadas redes de saneamento de augas pluviais.
Neste último caso, ao remate desta semana quedará toda a tubaxe colocada ata o mar, e xa a comezos da semana que vén se fará a tubaxe no cruce entre Montero Ríos e Johán Carballeira, e se procederá inmediatamente despois ao formigonado e pavimentado.
No caso das obras da nave resta por poñer menos da metade da cuberta e os canlóns, que se fará na vindeira semana coa volta do bo tempo.